Friday 17 de May de 2024

Máximo histórico do turismo internacional en Galicia que representou no 2014 o 26,7% dos viaxeiros aloxados


Galicia experimentou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade en relación ao ano 2013, do 7,2%, rexistrando un total de máis de 3,6 millóns

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, o pasado ano 2014, Galicia experimentou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade en relación ao ano 2013, do 7,2%, rexistrando un total de máis de 3,6 millóns. As pernoitas subiron tamén na nosa comunidade, un 4,2% neste caso, rexistrando mais de 7 millóns no pasado ano.

É o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de demanda hoteleira. Deste xeito, os datos rexistrados no 2014 sitúanse, en termos de viaxeiros, nos máis elevados dos últimos anos.

A nivel estatal observouse tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 4,5% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 2,9% no que atinxe ás pernoitas. Galicia é a cuarta comunidade co incremento máis destacado en canto ás cifras de viaxeiros no pasado ano.

En canto aos segmentos de mercado, o turismo nacional subiu nun 4,5% mentres que o internacional incrementouse nun 10,3%, consecuencia dos excelentes resultados colleitados dende o mes de abril. Deste xeito, confírmase en 2014 a recuperación do turismo receptor nacional –é o segundo ano que presenta resultados positivos- e a continuidade do crecemento do turismo internacional que novamente marcou máximos históricos na nosa comunidade tanto de volume –con 966 mil viaxeiros e máis de 1,56 millóns de pernoitas- como de peso –representando o 26,7% dos viaxeiros e o 22,2% das pernoitas totais no pasado ano-.

O incremento da demanda permitiu mellorar as cifras de ocupación do sector en máis dun punto porcentual con respecto ao acumulado do ano 2013.

Así mesmo, no pasado ano 2014 subiron as tarifas un 1,2% o que permitiu aos establecementos hoteleiros, xunto coa mellora dos niveis de demanda e ocupación, incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao 2013 -o RevPAr subiu un 4,8%-.

A cifra de viaxeiros estranxeiros aumentou no mes de decembro un 21,3%
No mes de decembro, Galicia rexistrou un crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos do 5% ata situarse nos 166.526 viaxeiros. Pola súa banda, o número de pernoitas alcanzou un total de 305.791.

En canto ao turismo internacional, a cifra de viaxeiros aloxados aumentou no mes de decembro un 21,3% e as pernoitas un 2,8%.

Tamén se viron incrementadas neste mes as tarifas hoteleiras da nosa comunidade situándose en 48,1euros de media.

A nivel estatal observouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoctacións –incrementáronse un 7,2% e 2,9% respectivamente-.

FRONTUR contabilizou no 2014 máis dun millón de turistas estranxeiros
Segundo os últimos datos de FRONTUR contabilizáronse no ano 2014 máis dun millón de turistas estranxeiros con destino principal Galicia -1.050.416-, o que supón un incremento do 20,6% en relación ao ano 2013. Por vez primeira nos últimos anos superouse a cifra do millón de turistas, supoñendo un máximo histórico na nosa comunidade.

Galicia superou deste xeito o crecemento rexistrado a nivel estatal que foi neste caso dun 7,1%, acadando case os 65 millóns de turistas estranxeiros no 2014.

Portugal, co 48% dos turistas estranxeiros, e Francia co 15%, foron os dous principais mercados internacionais en Galicia durante o 2014. Reino Unido situouse en terceiro lugar supoñendo o 8% do total.

En canto ao excursionismo internacional, a nosa comunidade recibiu 4.156.643 excursionistas estranxeiros ao longo do pasado ano. Portugal foi o principal mercado de Galicia, supoñendo no 2014 o 86% das entradas dun só día na nosa comunidade.